Friday 10 de May de 2024

O Teatro Rosalía de Castro obtén a Insignia da Cultura 2021 e posiciónase como o espazo de referencia para o sector a escala galega


A clasificación específica por comunidades emitida polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea sitúa ao recinto municipal como o mellor valorado polo comité de expertos consultados en Galicia

O Teatro Rosalía de Castro sitúase como o espazo de referencia para o sector cultural de toda Galicia despois de obter a Insignia Cultural que outorga a Fundación Contemporánea en base ao informe anual do Observatorio de la Cultura, derivado da consulta remitida a un milleiro de expertos en todo o país.

As Insignias Culturais de cada comunidade corresponden á valoración final das propostas culturais máis destacadas baixo o criterio dos profesionais do sector. Así, o Teatro Rosalía de Castro sitúase en cabeza na escena cultura galega, por riba da Cidade da Cultura de Galicia, que ostentaba esta distinción o ano pasado.

Na clasificación específica por comunidades, que reflicte a opinión exclusiva do panel de expertas e expertos galegos sobre o traballo e propostas das institucións e acontecementos culturais en toda Galicia, o Teatro Rosalía de Castro recibiu o apoio e mención do 61,5 % dos integrantes deste panel, un 20 % máis que recintos como a Cidade da Cultura de Galicia e programas como o Festival Cineuropa, asentados ambos os dous en Santiago de Compostela, duplicando tamén a porcentaxe de apoios ao traballo do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), situado en Santiago de Compostela.

Nesta clasificación concreta de valoración para toda Galicia, de carácter anual, o Teatro Rosalía de Castro sube ata tres postos en relación ao informe do ano 2019 —no 2020 non houbo avaliación, a causa da pandemia—, posicionándose agora en vangarda, na primeira praza.

Un informe con máis de dez anos de vida
O Observatorio de la Cultura, que elabora o informe e resultados finais ano a ano desde o 2009, contou coa valoración, entre decembro de 2021 e xaneiro deste ano, de 358 membros do panel, dos que un 44,7 % traballan nunha organización cultural pública, un 39,9 % nunha organización cultural privada e o 15,5 % como profesionais independentes do sector.

O 2022, un ano para reforzar a aposta polo Teatro Rosalía de Castro
O Concello da Coruña, que impulsou multitude de propostas musicais e escénicas no Teatro Rosalía de Castro durante o ano pasado, especialmente no tramo final e pese ao impacto da pandemia, presentou a finais de decembro do 2021, a través do portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage, a programación para o primeiro semestre do 2022.

Desde o pasado mes de xaneiro e ata mediados de xuño, o recinto acollerá 13 destacadasobras teatrais a nivel galego e nacional. “A programación responde ao espírito do Teatro Rosalía nos seus 180 anos de historia, ofrecer o mellor da escena galega e española, desde o equilibrio, a pluralidade e dando resposta á súa vocación de servizo público”, sinalou José Manuel Lage durante o acto de presentación.